01/04/2008 16:06 A inscrición do torneo, que repartirá máis de 100 trofeos entre as diferentes categorías é gratuíta A II Edición do Trofeo Concello de Boiro de Dardos reunirá a máis de 250 xogadores do Barbanza
A Concelleira de Deportes, Dores Torrado e o organizador da “II Edición do Torneo Concello de Boiro de Dardos”, Miguel Vila, presentaron a programación da competición que se celebrará os vindeiros días 4, 5 e 6 de abril no polideportivo C.E.I.P. de Praia Xardín. O venres día 4 de abril ás 22:00 horas celebraranse as finais dos equipos mixtos, o sábado día 5 de abril ás 18:00 horas celebraranse as finais dos equipos femininos, o domingo 6 de abril as 18:00 horas celebraranse as finais individuais mixtas para que finalmente o acto conclúa ás 20:00 horas coa entrega de trofeos.
Miguel Vila, membro da organización, resaltou que nesta segunda edición logrouse un éxito de participación que triplica á do ano anterior, o que demostra que cada vez “os dardos están sendo considerados como un deporte no que os xogadores compiten por diversión e non por cartos”. Tal é a situación, que nesta II edición, reuniranse máis de 250 xogadores do Barbanza, que xogarán para acadar un dos máis de 100 trofeos que se repartirán entre participantes e finalistas.
Neste sentido, a Concelleira de Deportes, Dores Torrado, engadiu que cada un dos 35 equipos, conformados por catro xogadores cada un, “recibirán un trofeo como recordo pola súa participación”, así mesmo, haberá trofeos para os catro primeiros de cada categoría, o trofeo ó participante máis novo e o trofeo ó participante máis veterano.